Friday 03 de May de 2024

O goberno local fixa os obxectivos para os últimos meses de mandato coas inversións ligadas a fondos europeos, o rural e os barrios como prioridades


Este sábado reuníuse no Pazo de Raxoi o goberno local ao completo para fixar a axenda de cara aos últimos meses de mandato, co obxectivo principal de “darlle un impulso ás inversións que dependen dos fondos europeos, reforzar o traballo na liña de promoción económica e de cidade e darlle continuidade ao esforzo en materia de sostibilidade da cidade que se vén facendo nos últimos meses co novo contrato de recollida de lixo e o novo sistema no casco histórico”. Na reunión participou xa Begoña Rodríguez, que se incorporará ao equipo de goberno de xeito inmediato.

Utiliza as teclas de frecha arriba/abaixo para aumentar ou diminuír o volume.
O rural e os barrios estarán entre as prioridades nos próximos meses, “sobre todo en materia de inversións, moitas delas xa en execución e outras comprometidas e nas que seguimos dando pasos para obter fondos, como o caso da reurbanización do Restollal ou a de Meixonfrío” ou “a conexión dos barrios de Conxo e Fontiñas” explicou o portavoz do grupo. Sindo Guinarte recalcou que o rural, logo de ter asinado o Pacto polo Rural, deberá ser un dos piares fundamentais no desenvolvemento do “modelo de cidade que temos e no que estamos a traballar” con melloras nos servizos e nas infraestruturas, “por exemplo, as sendas de Villestro e Figueiras que serán dentro de moi pouco unha realidade”.

Sindo Guinarte destacou que é Compostela o concello no que máis se invirte por habitante e, asegura “esa seguirá sendo a dinámica, porque o noso é o goberno das persoas, non é un slogan, é a realidade e ós feitos me remito”.

Tamén se seguirán dando pasos en materia de administración electrónica, “facilitando máis aínda as relación da cidadanía co Concello” e potenciarase o “papel dos Centros Socioculturais como lugar de encontro e elemento característico da nosa cidade”.

O 2023 servirá tamén para “amosar o potencial da nosa cidade como capital de Galicia, co aeroporto que concentra a maior cota de mercado aeroportuario da comunidade e cunha estación de tren que non deixa de medrar” destacou Guinarte.

A intermodal, o enlace Orbital da AP-9, o Orbitaliño e a EDAR “están en marcha como prioridades que marcamos neste mandato”, e “o crecemento industrial dos nosos polígonos é evidente e obríganos a traballar xa na súa ampliación” explicou o terceiro tenente de alcalde, que concluíu asegurando que “o horizonte de retos é ilusionante, seguimos traballando para darlle a Santiago o que merece”.